Ir ó contido
  1. Posts/

A eclipse

13 mins·
José M. Mariño
José M. Mariño²
Autor
José M. Mariño²
Eu antes era moi indeciso. Agora xa non estou tan certo.

Non queríades caldo? Pois aquí tedes dúas tazas.

Fartos como estaredes xa todos de ver fotos da eclipse da semana pasada, tócame agora poñer as miñas.

A reserva do día.
#

O primeiro que se precisa para estas cousas é ter o día libre. Cando planificamos na oficina as vacacións de 2025, eu xa avisara de que para o 2026 tan só ía pedir o 12 de agosto como data inamovible. Podían facer o que quixeran o resto do verán, pero que comigo non contaran ese día. Se non o tiña de vacacións entón ía estar enfermo, desaparecido ou secuestrado. En calquera sitio menos na oficina.

Sobra dicir que non houbo problema porque levámonos moi ben todos e sempre hai arranxo.

A ubicación.
#

A cousa durante 2025 e 2026 foi levándose de xeito tranquilo. Entre dous elementos subversivos que teño por amigos íamos comentando posibles ubicacións para ir ver a eclipse. A primeira idea que se nos viña á cabeza era obvia: a eclipse ía ser no solpor, polo que había que irse á costa. A miña casa, aínda estando preto da costa, non estaba na franxa de totalidade, así que tiña que coller o coche si ou si. Ademáis, xa estaba mentalizado (e tamén tiña mentalizado ó resto da casa) de que ese día había que coller o coche e tirar para onde fixese falla, dependendo de como estivese a meteoroloxía.

Había que irse ó norte, de Coruña para arriba. Entre Ferrol e Cariño estaba ben. Preto de San Andrés de Teixido hai uns cantos miradoiros xusto por riba da costa (son uns case-cantís, que caen moi abruptamente cara o mar) que parecían ideais, así que eran os primeiros candidatos. A Garita da Herbeira era un deles.

A dúas semanas da eclipse, e aproveitando que dous días á semana teño que ir a Coruña, saía con tempo dabondo da casa para facer algunhas visitas pola zona. A primeira foi para ir á Garita, e polo menos serviu para descartala completamente: moito vento e moita bruma que subía do mar. O ruído infernal dos aeroxeneradores era o de menos, pero tampouco estaba de mais que lles fixeran algo de mantemento (están moi oxidados pola salitre do mar e fan un ruído qe mete medo).

Nos seguintes días subín a outros parques eólicos: o de Bustelo (nunca vira tantas aguias xuntas), en Muras; o monte Racamonde, en San Sadurniño; e ata o monte Xistral, que está a máis de 1000 metros de altura e podería ser unha opción no caso de ter que evitar nubes non moi altas. Había que valorar os accesos (con según que coche algunhas pistas poden ser complicadas) e facerse unha idea do que costaba chegar a cada sitio.

Racamonde
Dende Racamonde vese o mar!

Xistral
Costa un pouco subir ó Xistral, pero paga a pena polas vistas.

Ademáis dos poucos sitios que visitei en persoa, tocaba tamén facerse unha lista de posibles candidatos consultando a cartografía. E tamén planificar unha posible escapada pola A-6 cara a meseta coma último recurso á desesperada. Acabamos cunha lista duns trinta puntos.

Mapa
O noso mapa de puntos de observación.

O plan inicial que decidín era o de levar á familia a pasar o día á praia. Valdoviño estaba moi ben. Se tiñamos un día solleiro xa se podía ver a eclipse dende a propia praia. No caso de que comezasen a entrar nubes teríamos que recoller o chiringuito e marchar cara o interior.

A meteoroloxía.
#

A dez días do Día E, os partes meteorolóxicos xa comezaban a tocar un pouco as gónadas: había posibilidade de nubes. O de sempre, toda a primavera e verán graxeando como porcos cunha calor máis propia de latitudes dunha soa cifra, e chega agosto e veñen as chuvias. O mundo ó reves. Pero bueno, éche o que hai.

Tanto ir visitar sitios polo norte, para nada.
Tanto ir visitar sitios polo norte, para nada.

Había que irse un pouco máis ó sur. Fastidiábame un pouco porque significaba afastarse do centro da franxa de totalidade, e polo tanto perder uns segundos preciosos da parte máis interesante.

O de escapar cara a meseta xa non parecía cousa de tolos. E a Burgos tampouco se tarda tanto en ir.

A instrumentación.
#

Ó longo do ano eu ía facendo acordo da necesidade de non agardar ó último intre para comprar as gafas para a eclipse. Non son un experto en economía e non tiña nin idea de se ían baixar de prezo conforme se achegaba a data, ou se a consabida picaresca ibérica ía facer acto de presenza disparando o prezo á altura dun evento astronómico desta categoría. Así que fixemos unha compra dun lote de gafas a comezos do ano, a repartir entre varios. Ademáis das gafas comprei uns pequenos prismáticos solares que veñen co filtro solar incorporado de serie, que obviamente non van servir máis que para observar o Sol.

E non vas sacar fotos da eclipse? NON.

Esa era a miña postura dende o primeiro momento. Sacar fotos cun telescopio non é doado. Cando o telescopio é bastante malo, a cousa complícase máis todavía. Teño un pequeno ETX-70AT, popularmente coñecido como Lidlscopio porque fai xa uns aniños tivo un grande éxito en certo supermercado de baixo custo. Está xusto na fronteira entre xoguete e telescopio serio, e para min ten unha calidade óptica decente tendo en conta o prezo que paguei por el. Ven sendo coma ter uns prismáticos gordos co que se poden ver cousas moi chulas, ainda que se quede curto en canto queres facer algo máis serio. A astrofotografía é unha desas cousas. Así e todo, o mellor telescopio é o que podes usar con máis frecuencia, e este xoguetiño móntase nun plis-plás.

A miña idea de ver o eclipse non pasaba por estar pendente de aperturas, exposicións e outras andrómenas. Tiña claro que era algo que había que disfrutar en vivo, porque fotografías xa ía haber unha chea delas por todos lados. Pero claro, os remorsos podíanme, e a semana anterior comprei un adaptador para a cámara reflex. As fotos que sacara sempre co telescopio eran a través do ocular e co teléfono móbil, pero decidín probar a facelas coa reflex.

Non me facía moita gracia ter que andar coa cámara polo monte e ter que destapar o sensor para montala no telescopio, a verdade. Pero se montaba a cámara no telescopio podería facer fotos con máis facilidade que co móbil, e polo tanto perder menos tempo e evitar o risco de distraerme demasiado do espectáculo en directo. Xurdía tamén o problema do peso: meterlle unha reflex ao telescopio excedía por moito a capacidade dos motores que o controlan. Xa dixen que era un telescopio barato, pero dentro do malo é un telescopio motorizado. Iso sí, os motores e os embragues xa van xustos para mover o tubo óptico, como para meterlle unha cámara de tres cuartos de quilo no portaoculares. Imposible de todo. Habería que encuadrar a pulso.

Así que o Día E habería que cargar co telescopio, a reflex, e unha pequena cámara compacta (había que tomar unha panorámica, iso si).

Como era a primeira vez que facía fotos a foco primario co telescopio, andei a mirar calculadoras para saber se a combinación de reflex e teles permitía uns aumentos decentes. O telescopio ten unha focal de 350mm e co tamaño de sensor da cámara saíame que, en vertical, as imaxes acadarían uns 2,44 graos de campo de visión. O Sol e a Lúa teñen un tamaño de medio grao aproximadamente, así que as fotos ían quedar algo pequenas, pero teño unha Barlow que permite ampliar un pouco a imaxe, co que non debería haber problema.

O día anterior ao Día E probei por primeira vez a cámara no teles, e sorpresa: non se conseguía enfoque. Ao telescopio faltáballe percorrido para poder enfocar correctamente no sensor da cámara. O telescopio ten dous portaoculares, un que sae a 90 graos do eixe, pola parte de arriba, e unha rosca T na parte de atrás, en liña co eixe óptico. Nesa rosca T podo engadirlle un prisma erector que á súa vez ten un porta oculares onde meter despois a cámara. E con ese prisma posto si se conseguía enfocar. Alivio.

Logo puiden ler que o de non enfocar é algo habitual: os telescopios están feitos para traballar con oculares, que teñen un punto focal que queda metido máis adentro cando están montados no telescopio. Coa cámara o punto focal ten que ser o propio sensor, que queda por fóra do portaoculares. Neses casos a xente adoita usar unha lente Barlow para facer que o punto focal saia do portaoculares e poida chegar ó sensor. O aumento que aporta a Barlow é o de menos, pero tamén estará aí.

A miña lente Barlow era de 2x aumentos, se a memoria non me estaba a traizoar (spoiler: si que estaba).

Así que xa tiña todo listo no tocante ás fotos. Ou iso pensaba eu.

Chega o día, e hai que decidir.
#

Arrincamos pola mañá, coa espada de Damocles da meteoroloxía sempre por riba de nós. O día non podía ser mellor, pero tódalas previsións dicían que a tarde ía complicarse coas nubes.

Todavía non as tiñamos todas con nós.
Todavía non as tiñamos todas con nós.

Antes de decidir o punto de observación definitivo, deixara para este día as últimas dúas visitas: un parque eólico preto de Parga (Lugo), recomendación do amigo dun amigo, e o monte Monseivane ó norte de Vilalba. O parque eólico preto de Parga estaba ben, no medio dese parque había unha caseta (supoño que de vixiancia contraincendios) nun estado non demasiado malo, e á que se podía subir, pero tamén se podía ver a eclipse perfectamente dende o chan. De feito, cando chegamos alí xa había seis ou sete coches de xente previsora. Ó sur dese parque había un grupo de aeroxeneradores que tamén tiñan boas vistas.

Saímos do parque eólico de Parga cara Vilalba, ata chegar ao monte Monseivane, un chisco máis ó norte aínda. Mentres subíamos cara o cume, atopamos un sitio perfecto que tiña vistas cara o oeste, e por riba non había nin unha alma: xa tiñamos onde botar o día.

Un sitio mallado para botar unha tarde tranquila.
Un sitio mallado para botar unha tarde tranquila.

Puxémonos a comer debaixo duns piñeiros, e así pasamos un par de horas. O sitio estaba cheo de silveiras e os rapaces colleron tamén unha fartura de amoras. Mentres estabamos a comer comezou a chegar xente que non se paraba alí, senón que seguían subindo cara o alto do monte. Todos subindo con coidado, porque a pista deixaba bastante que desexar, agás un Renault 4L que demostrou a súa superioridade técnica ante Audis, BMWs e autocaravanas, subindo con decisión e sen importarlle as fochancas.

Rectificar é de sabios.
#

Xa comidos e co chiringuito recollido, decidín facer unha subida ao alto do monte para evaluar se pagaban a pena as vistas dende alí ainda que estivese cheo de xente, ou se conviña quedar onde estabamos e ter todo o monte para nós. Viaxábamos en dous coches, así que subimos só con un, e os do outro coche quedaron agardando abaixo. A subida foi algo complicada, ata o punto de case dar volta porque o outro coche seguramente tería bastantes problemas para subir. Cando finalmente chegamos ó cume había xa bastante xente, pero seguía a haber sitio dabondo para todos.

Porén, o que me deixou frío foi o que vin cando mirei ó norte:

As previsións estaban no certo.
As previsións estaban no certo.

Winter is coming.
Winter is coming.

Estaban entrando nubeiros polo outro lado do monte, polo norte. De quedar alí corriamos o risco de que se nos botasen enriba xusto na hora da eclipse, e se quedabamos no sitio onde coméramos a cousa podía ser peor porque caeríannos enriba sen aviso cando xa fose demasiado tarde.

Así que consultei cun amigo que estaba no parque eólico de Parga, que me confirmou que aquelo non se masificara todavía, e tiramos de volta para o sur, un chisquiño máis lonxe das nubes e máis preto da A-6 no caso de ter que escapar no último momento.

O noso punto de observación definitivo.
O noso punto de observación definitivo.

Chegou o momento.
#

Xa de volta no parque eólico de Parga (para ser máis exactos, trátase do parque eólico CASA), tocaba xa comezar a montar o telescopio, repartir as gafas para a eclipse e tamén filtros para poder facer fotos cos móbiles.

Ao montar o teles coa reflex, puxen directamente a lente Barlow no portaoculares lateral, e logo a cámara. Era mellor empregar o portaoculares lateral, que vai perpendicular ó tubo óptico, porque así o peso da cámara quedaba máis preto do eixe de xiro e facía menos panca. E ademáis a unión coa cámara quedaba máis vertical, co que o peso empurraba máis ben ó longo do eixe do portaoculares, sen flexionalo tanto.

A lente Barlow que eu tiña na cabeza que era de 2x aumentos, resultou ser de 3x aumentos (nunca na miña vida a usara, a verdade). De todos xeitos, medio grao de tamaño aparente do Sol multiplicado por 3 son 1,5 graos, e a imaxe debía caber perfectamente no sensor.

Pero:

Houston, temos un problema.
Houston, temos un problema.

Non me entraba toda a esfera do Sol no encuadre!

Non había tempo de buscarlle explicacións, así que repetín a montaxe do día anterior: prisma erector na toma T do extremo do tubo, coa cámara a 45 graos, máis alonxada do eixe de xiro e facendo por tanto máis panca, e por riba flexionando o prisma erector. Se xa o mecanismo de enfoque do telescopio é unha merda, o de ter os eixes ópticos dos diferentes elementos desalineados tampouco axudaba moito. Pero non había nada que facerlle.

Co prisma erector a imaxe conseguida na cámara era tamén moito máis grande do que os cálculos dicían, pero entraba no encuadre. O motivo é que o prisma (isto confirmeino máis tarde) tiña tamén un factor de 2.4x de aumento da imaxe que non ven indicado en ningún sitio.

Por outro lado, podo dicir que este día tiven unha das miñas mellores ideas no que á astronomía de aficionado se refire. Antes de saír da casa, e pensando como podería axudar a estabilizar a cámara (lembremos que tiña que facer as fotos encuandrando a pulso), collín unha toalla coa intención de metela entre o tubo óptico e a base do telescopio, como un híbrido entre punto de apoio e amortecedor de vibracións.

Douglas Adams tiña moooita razón. Unha toalla pode salvarche a vida.
Douglas Adams tiña moooita razón. Unha toalla pode salvarche a vida.

Marabilla de invento! Penso que foi a clave para que as fotos non saíran demasiado estragadas. Xa que o do enfoque non tiña moito arraxo, alomenos que non saíran moi movidas.

Non me gusta poñer fotos de min mesmo, pero sacáronme esta a traizón e a verdade non me disgusta:

Hai paparazzi ata en Parga.
Hai paparazzi ata en Parga.

Chegados a este punto, xa só quedaba agardar. E disfrutar.

Agora sí, as fotos.
#

A fase parcial previa da eclipse fíxose interminable, co medo no corpo de que xurdiran nubes no último momento. Con tanta calor é normal que chegando a noite se note a humidade no ambiente, e de feito comezou a formarse unha pequena estela que non chegou a supoñer finalmente ningún problema.

O Sol antes da eclipse.
O Sol antes da eclipse.
Fase parcial previa (1).
Fase parcial previa (1).
Fase parcial previa (2).
Fase parcial previa (2).
Fase parcial previa (3).
Fase parcial previa (3).
Fase parcial previa (4).
Fase parcial previa (4).
Fase parcial previa (5).
Fase parcial previa (5).

Na totalidade tan só tirei dúas fotos e unha saiu movida (os nervios do directo), ademáis dunha panorámica coa cámara compacta. Pero tocounos premio: unha bonita protuberancia solar.

Eclipse na totalidade (1).
Eclipse na totalidade (1).
Eclipse na totalidade (2).
Eclipse na totalidade (2).

Na fase parcial posterior nótase o cambio de cor do Sol conforme vai quedando máis baixo no horizonte.

Fase parcial posterior (1).
Fase parcial posterior (1).
Fase parcial posterior (2).
Fase parcial posterior (2).
Fase parcial posterior (3).
Fase parcial posterior (3).
Fase parcial posterior (4).
Fase parcial posterior (4).
Fase parcial posterior (5).
Fase parcial posterior (5).
Fase parcial posterior (6).
Fase parcial posterior (6).
Fase parcial posterior (7).
Fase parcial posterior (7).

O de ver a eclipse no solpor tiña os seus inconvenientes, pero pola contra tamén algunha que outra cousa boa: poder ver o Sol en contraste co horizonte no canto de ter que mirar cara o cénit.

Panorámica da totalidade.
Panorámica da totalidade.

Pagou a pena.
#

As miñas fotos son unha porquería, seino. Pero son miñas, así que eu véxoas con outros ollos. O caso é que calquera foto da eclipse é unha porquería se a comparamos coa experiencia real. Contemplar a coroa solar a simple vista, ver ese Sol Negro sobre o horizonte coma se estiveses noutro planeta, nun mundo extraño. Presenciar ese instante no que os astros do ceo deixan de parecer unha bóveda en dúas dimensións e cobran volume, desvelando as súas verdadeiras posicións e permitindo apreciar que uns están máis preto e outros máis lonxe. Non hai comparación posible.

Relacionados

Introdución ao procesado de son con microcontroladores STM32 e dispositivos I2S. Parte II.
4 mins
José M. Mariño
Stm32 I2s Pcb Cordic Fmac
PCB de adestramento para STM32 e dispositivos I2S
3 mins
José M. Mariño
Stm32 I2s
Introdución á simulación de circuítos electrónicos con ngspice e KiCAD
1 min
José M. Mariño
Spice Ngspice Kicad
Circuítos de protección contra polaridade inversa
25 mins
José M. Mariño
A lavadora recalcitrante
22 mins
José M. Mariño
Reparación Fagor Lavadora F-2812 V3FA-UNIV
Linux no Toshiba Satellite 2450-101
14 mins
José M. Mariño