Ir ó contido
  1. Presentacións/

Introdución ao procesado de son con microcontroladores STM32 e dispositivos I2S. Parte II.

4 mins·
José M. Mariño
Stm32 I2s Pcb Cordic Fmac
José M. Mariño²
Autor
José M. Mariño²
Eu antes era moi indeciso. Agora xa non estou tan certo.
Táboa de contido
Facer efectos de son é máis sinxelo do que semella.

Non me está gustando nada o camiño que está tomando esto dos STM32 e o tratamento de son, a verdade. Penso que se me está indo un chisco das mans 😁 .

Veño de dar unha pequena (ja-ja) charla en A Industriosa. Vese que alguén se foi da lingua (e non miro para ningúen) despois do taller impartido en Bricolabs, e tomaron nota. Ademais, despois de facer a primeira versión da PCB de adestramento, estaba reescribindo aos poucos a presentación inicial, revisando erros e cambiando un pouco o enfoque dos exercicios, polo que impartir unha segunda charla serve para poñer a proba a nova versión da presentación.

A versión primeira do documento xa se me facía un chisquiño longa: se alguén é quen de aturar un ladrillo de 228 páxinas xa é de agradecer. O asunto é que xa estamos preto das cincocentas…

O de explicar todos os exercicios nun día é misión imposible. Aínda contando co tempo que se gaña ao empregar a PCB fronte á breadboard, resulta inviable explicar todo con detalle, aclarar todas as dudas e lidiar cos pequenos contratempos que poden ir xurdindo, todo elo multiplicado polo número de asistentes. Así que os de A Industriosa foron máis pragmáticos e a xornada consistiu nunha exposición práctica, dando unha idea xeral do que se pode facer co microcontrolador, e describindo os puntos principais de cada apartado sen pararse moito nas cousas pequenas. E sobre todo, coa demostración en vivo do que se está a contar, que o de ver (neste caso, escoitar) sen ter que crer sempre da bos resultados.

Pero claro, se antes o documento tiña 17 exercicios, agora ten dez máis, cun total de 27. A pouco máis de 6 minutos e medio por exercicio: igualmente inabarcable. Polo que é de agradecer a infinita paciencia que tiveron os asistentes, logo de tres horas escoitando a un tipo falando do buffer de entrada, do de saída, do punteiro de lectura, do de escritura, e da nai que trouxo á interrupción do DMA.

O ADC PCM1808
#

Cando estaba a piques de rematar o deseño da PCB de adestramento, tiven a feliz idea de engadir un conector para meterlle un módulo co ADC PCM1808. Así un pouco daquel xeito, non moi ortodoxo (o módulo queda tapando os botóns e sen case suxeición mecánica), pero non me quedaba sitio para máis.

Pois penso que lle saquei partido ó cacharriño. O de poder meterlle música ou o son dun instrumento e experimentar cos diferentes efectos fai agora a cousa moito máis interesante. Tanto, que xa estou pensando en que a seguinte versión da PCB vai ter que contemplar unha ou dúas versións deste ADC (as que se poidan comprar nesa web onde compramos todos a cacharrada electrónica), e pode que algún outro máis.

Novas tarxetas?
#

Atopeime fai non moito con dúas novas tarxetas da xente de WeActStudio: unha cun STM32H523 e outra cun STM32U585. A primeira funciona a unha frecuencia de reloxo de máis do dobre da BlackPill STM32F411, e ten máis RAM; a segunda non é tan rápida (aínda que segue a ser máis rápida cá BlackPill), pero trae moita máis RAM e dous carameliños ben apetecibles: un coprocesador CORDIC (para operacións trigonométricas) e un FMAC (un aparello para axudar cos cálculos nos filtros dixitais). Non me preguntedes como, pero foi velas nesa tenda do demo, e ós poucos días apareceume pola casa un paquetiño con esas mesmas dúas tarxetas e algunha que outra cousa máis. Totalmente inexplicable.

As dúas teñen o mesmo tamaño da BlackPill e prácticamente a misma correspondencia de pins (só cambia un pin nunha delas). Non é asi no tocante ás funcións dos periféricos: os pins onde as tarxetas teñen as cousas coma os buses I2S, entradas dos ADC, etc. son distintos. Gustaríame que se me meto na poza de facer unha nova versión da PCB de adestramento fose compatible tamén con estas dúas novas tarxetas sen perder a compatibilidade coa BlackPill (que á fin e ao cabo foi coa que empezou todo, e merece respecto). Xa veremos o que podemos facer.

Para rematar
#

E potenciómetros, por $DEITY. Moitos potenciómetros. Pensaba que tres serían dabondo, pero quédanse curtos en moitos casos.

Enlace á presentación
#

O pdf tédelo aquí, e no repositorio de GitLab está tamén o código dos exercicios.

Relacionados

PCB de adestramento para STM32 e dispositivos I2S
3 mins
José M. Mariño
Stm32 I2s
Introdución ao procesado de son con microcontroladores STM32 e dispositivos I2S
3 mins
José M. Mariño
Stm32 I2s
Introdución á simulación de circuítos electrónicos con ngspice e KiCAD
1 min
José M. Mariño
Spice Ngspice Kicad
Circuítos de protección contra polaridade inversa
25 mins
José M. Mariño
A lavadora recalcitrante
21 mins
José M. Mariño
Reparación Fagor Lavadora F-2812 V3FA-UNIV
Linux no Toshiba Satellite 2450-101
14 mins
José M. Mariño